Este verán Uxía está a percorrer Galicia cun novo formato no que aposta polas distancias cortas e os sons máis íntimos. Uxía Trío é unha proposta na que a súa voz cobra máis protagonismo que nunca acompañada da guitarra e o cavaquiño do brasileiro Sérgio Tannus e a guitarra do uruguaio Alejandro Luzardo.
Os que esta fin de semana se atopen polo sur de Galicia teñen dúas novas oportunidades de ver e escoitar a Uxía en concerto acústico. A primeira será o sábado 4 de setembro ás 22.45 horas na fortaleza de Salvaterra, dentro da programación do XXIV Festival da Poesía do Condado. Ao día seguinte, domingo 5, Uxía Trío actúa ás 21 horas no Auditorio de Salceda de Caselas, poñendo a nota musical á Festa dos Callos desta localidade.
Nos concertos soarán algúns dos temas máis representativos dos 25 anos de carreira de Uxía, así como pezas do seu último disco, Eterno navegar, como “Nalgures”.
Esta fin de semana nace un novo concepto de festival: o FIOU, Festival Internacional de Orquestras de Galicia, a suma entre a verbena tradicional e os actuais eventos musicais de masas. Do 3 ao 5 de setembro, pasarán por Cea (Ourense) once orquestras de primeiro nivel de Galicia, Canarias, Venezuela, República Dominicana, Italia, Estados Unidos e Francia e o Magreb, ao que se sumarán un mercado, un coloquio, unha exposición e sesións de dj. Unha proposta atractiva para todo tipo de públicos: amantes do baile, asiduos das romarías, interesados na historia e no presente das orquestras, e afeccionados á música latina, ás músicas do mundo e a calquera melodía coa que arrancar a bailar.
A programación musical divídese en catro sesións diarias: a “sesión vermú” e a “sesión verbena”, con algunhas das orquestras protagonistas habituais dos veráns galegos; os “clásicos latinos”, con agrupacións veteranas dos ritmos quentes do Caribe e “orquestras do mundo”, no que o público poderá gozar das sonoridades de Sicilia, Chicago e o Magreb, con tres orquestras presentadas por Nordesía. Os concertos, cada día ás 23.30 h.
A primeira “orquestra do mundo” en pisar Cea será a de Roy Paci & Aretuska. Ningún ritmo se lle resiste a este trompetista e compositor que partindo do jazz siciliano se deixou arrastrar polos sons de Brasil ou Senegal. Os seus 25 anos de traxectoria, pasando por grupos como Mau Mau ou Banda Ionica, fan del un símbolo da música actual en Italia, movéndose entre o jazz, o reggae, o rock-folk e o ska, como demostra no seu último disco, Latinista.
O sábado é a quenda da Orchestre National de Barbès, que toma o nome do barrio parisino no que residen os seus doce compoñentes. Alí se coce a mestura de chaabi, salsa, reggae, música gnaoua, rock, zouk antillano e funk coa que esta orquestra fundada hai 15 anos consegue a súa sonoridade orixinal e festiva. En Cea darán a coñecer os temas de Rendez-vous Barbès, o seu novo disco.
Os encargados de cerrar esta sección o domingo son a Hypnotic Brass Ensemble, de Chicago, que actúa o venres. Oito fillos de Phil Cohran, trompetista da Sun Ra Arkestra, forman esta banda de metais influenciada polo jazz, o funk e o hip-hop e que vén de colaborar no último álbum de Gorillaz. Presentan ao vivo o seu álbum H.B.E.
Uxía escribe e interpreta a música desde o máis fondo do ser, da alma. Lévao facendo desde 1986, cando comezou a súa carreira artística. Neste 2010 celebra 25 anos no escenario, que a converteron nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.
Agora Uxía chega a Monforte para actuar dentro das festas de verán desta localidade. Será o sábado 14 de agosto ás 0.30 h na praza da Compañía. Os encargados de axudar a Uxía a trasladar ao directo a delicada instrumentación e a variedade de sonoridades do disco Eterno navegar serán nesta ocasión o cuarteto formado por Paulo Borges (piano), Xan Pampín (acordeón), Xacobe Martínez (contrabaixo) e Quiné (batería).
Por terceiro ano consecutivo, o mes de agosto en Compostela é sinónimo de abrazo cultural. Esta semana arrrancou o Festival dos Abrazos, que se prolongará ata o 29 deste mes e no que as rúas, prazas e parques da cidade acollen manifestacións culturais de todo tipo que sairán ao encontro dos composteláns e visitantes da cidade. O programa que preparou a Concellería de Cultura e Centros Socioculturais para este ano inclúe máis de 80 actividades nuns 20 lugares, nunha invitación a redescubrir os recunchos menos explorados da cidade e botar miradas novas sobre outros máis coñecidos.
Entre as actuacións deste ano, atópase a banda galego-brasileira Brasileg@s, encabezada por Fred Martins, Uxía e Sérgio Tannus (martes 10 ás 22.30 h no parque de Bonaval); a mestura de jazz e tradición africana de Kora Jazz Trio (mércores 11 ás 20 h no xardín de Fonseca); a contaxiosa mestura de ritmos electrónicos e música angolana de Katembe Project (venres 13 ás 22 h na Zona C); Tangata e as súas versións de tangos e milongas (luns 16 ás 22 h na praza de San Martiño Pinario); a ruptura das fronteiras entre tradición e modernidade da coreana Jin Hi Kim (mércores 18 ás 20 h no xardín de Fonseca); a unión creativa de Baldo Martínez & Maite Dono no seu proxecto Sons_nús (venres 20 ás 20 h no parque de San Roque); o dj barcelonés Beatspoke (venres 20 ás 22 h na Zona C); o hip-hop do quinteto de Burdeos O2zen (venres 27 de agosto na Zona C); e o trío belga de folk a capella Läis (sábado 28 de agosto ás 20.30 h en Santa Susana.
Este sábado a praia de Santa Cristina, en Oleiros, será o escenario da festa da diversidade: A Festa dos Mundos. Todo está listo xa para que as rúas, os parques e a praia da localidade acollan máis de 40 actividades de danza, maxia, circo, teatro xestual, talleres para nenos e nenas, pasacalles e, sobre todo, moita música, durante 17 horas.
No escenario principal, uníronse nos últimos días ao espectáculo de Africa Express artistas como Toumani Diabaté, Mick Jones (The Clash), Mehdi Haddab, Jon McClure (Reverend and The Makers), Check Tidiane Seck, Afrikan Boy e Fatoumata Diawara. Tamén soubemos que Uxía terá como convidados especiais no seu concerto a Fred Martins e Budiño. A chinesa Sa Dingding e os colombianos Choc Quib Town completan a oferta musical da noite, que se desenvolverá entre as sete da tarde e as catro da madrugada.
Agárdase que milleiros de persoas acudan a Santa Cristina, o que obriga a facer un esforzo extra para protexer o espléndido contorno no que se desenvolve a festa. Baixo o lema “Non deixes pegada”, A Festa dos Mundos aposta por ser un evento sustentable e respectuoso co medio ambiente: reciclaxe de vasos nas barras, unha campaña de concienciación para público, artistas e equipos de produción, redución de emisións de CO2 e a creación de equipos de limpeza da praia son algunhas das accións que se están a levar a cabo.
Como mostra desta aposta pola (bio) diversidade, no paseo marítimo instálase do venres ao domingo un mercado no que atopar produtos ecolóxicos galegos e de artesanía e deseño de diferentes partes do mundo. Para abrir vías de debate, programáronse dúas mesas redondas para o sábado, que terán lugar no Centro Cultural A Fábrica. Ás 12 horas, debaterase sobre “sustentabilidade ambiental e desenvolvemento rural”, con representantes de proxectos galegos neses ámbitos. Ás cinco da tarde, a conversa xirará arredor da “diversidade cultural e integración”, con representantes de proxectos de Alemaña, Aragón, Cabo Verde, Galicia e Brasil.
Toda a información deste evento organizado polo Xacobeo e producido por Nordesía, atópase na web da Festa dos Mundos: http://afestadosmundos.xacobeo.es/gl
Africa Express é un espectáculo único. Músicos do ámbito do pop-rock, o hiphop ou o r&b de diferentes procedencias se unen sobre o escenario ás grandes estrelas da música africana para cociñar un concerto moi especial, unha especie de xigantesca jam session de cinco horas. Estes días vimos de coñecer os primeiros nomes de artistas confirmados para participar no concerto de Africa Express na Festa dos Mundos, que se celebra o 7 de agosto na praia de Santa Cristina (Oleiros). Será a primeira e única ocasión de ver na Península este espectáculo, que por primeira vez inclúe artistas galegos e españois.
Estes son só os primeiros nomes dunha lista máis ampla que se dará a coñecer nos próximos días, ata completar o cartel do que se espera que sexa o mellor Africa Express da historia. Un dos grandes alicientes da Festa dos Mundos, que suma 17 horas de programación con música, danza, teatro de rúa, circo, mercado, mesas de debate… e moitas máis propostas.
Uxía actúa este sábado 24 de xullo en Arteixo, dentro da programación da Noite de Folk da vila. Alí estará no seu formato trío, acompañada do brasileiro Sergio Tannus á guitarra e o cavaquiño e do uruguaio Alejandro Luzardo á guitarra. Ás 23 horas na praza do Balneario, ofrecerán un concerto acústico no que a destreza ás cortas de Tannus e Luzardo ilumina a voz sen artificios de Uxía, que cobra todo o protagonismo. Xunto con temas do disco Eterno navegar, no concerto soarán algunhas das cancións máis representativas dos 25 anos de carreira de Uxía e outras sorpresas e novidades.
Así soaba o tema “Berenguela” no concerto de presentación do disco Eterno navegar:
Aló Irmao, o proxecto conxunto de Narf e Manecas Costa, está a ter unha acollida moi positiva en Portugal e nos países lusófonos de África. Esta semana, o tema “Aló Irmao” chegou ao número 1 do Top “As 10 + Sem Espinhas”, a lista de éxitos que recolle os temas que máis soan na emisora pública portuguesa, escoitada en Portugal e no continente africano. Aló Irmao chega ao máis alto despois de catro semanas na lista, tomando o relevo de “Mozamverde”, de Otis e Tito Paris. Un gran éxito, indicativo de que a proposta de Narf e Manecas está a conectar co público portugués e africano, e de que o proxecto está en condicións de abrir novas portas nestes dous ámbitos.
A próxima oportunidade para escoitar a Aló Irmao en directo será este venres 23 de xullo ás 22.30 horas no Castelo de San Antón, na Coruña, dentro do ciclo “Sons de noite”.
(O vídeo recolle a emisión do top ten na RTP África. O número 1 de Aló Irmao aparece no minuto 4′23”).
Patti Smith é cantante, compositora, poeta, activista política e artista da imaxe. Considerada a madriña do punk, Patti Smith é historia viva do rock, e continúa a levar a forza da música e a palabra polos escenarios de todo o mundo. Este domingo 18 de xullo estará en Vigo, no Auditorio de Castrelos, nun concerto que se prevé enérxico e vibrante, no que soarán algúns dos seus temas máis coñecidos, como “Gloria” e “Because de night“, xunto con outros dos seus últimos traballos. Un repertorio aberto e que buscará deixar satisfeito ao público vigués.
Considerada unha das principais estrelas do firmamento da música rock, Smith deu o asalto definitivo á fama co álbum Horses (1975), que fusionaba rock, punk e poesía falada. Pouco máis tarde, en 1978, colleitou un novo éxito mundial con Easter, que tivo como single o tema “Because the Night”, escrito conxuntamente con Bruce Springsteen. Patti Smith ten un total de 10 discos publicados e numerosos libros de poemas e biográficos. O seu último libro, Just Kids, foi un éxito extraordinario que a levou a dar recitais poético–musicais por todo o mundo. A Castrelos Patti Smith ven acompañada por dous dos músicos da súa banda orixinal -Lenny Kaye na guitarra e Jay Dee Daugherty, na batería-, por Tony Shanahan, que a acompaña no baixo e nos teclados desde 1996, e máis por Jack Petruzzelli á guitarra.
Este verán África é un dos grandes protagonistas musicais en Galicia. En Nordesía estamos traballando en varios proxectos centrados nas músicas e as culturals do continente africano. O 9 de xuño lanzamos Aló Irmao, o disco conxunto de Narf (Galiza) e Manecas Costa (Guiné Bissau), que agora están presentando en directo. Logo de actuar en Londres e Ferrol, o 23 de xullo estarán no Castelo de San Antón da Coruña, dentro do ciclo “Son de noite”.
Tamén África estaba presente nunha das propostas de maior éxito do último ImaxinaSons: Root Africaine. Romano, Sclavis e Texier presentaron a música da súa ‘triloxía africana” xunto a fotos de Guy le Querrec tomadas nese continente. Unha delicatessen ao que o público respondeu con ovacións.
O 7 de agosto, a praia de Santa Cristina acolle A Festa dos Mundos, e nela terá un protagonismo especial o continente negro a través do proxecto Africa Express. Estrelas da música africana se mesturarán sobre o escenario con grandes nomes do pop-rock e as músicas urbanas de Europa e América, nun espectáculo único e irrepetible comandado por Damon Albarn.
Neste verán africano, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugura o venres 16 de xullo a exposición Afro Modern: Journeys through the Black Atlantic, unha mostra sobre a influencia que tiveron na arte occidental as culturas negras do Atlántico desde 1909 ata a actualidade. Na inauguración participará ás 21 horas o grupo angolano Katembe Project, cos ritmos potentes e bailables do kuduro. A semana que vén Katembe Project levará o seu son contaxioso a outros escenarios: o 22 de xullo actúan en Lugo, nun concerto gratuíto ás 21 horas nos Xardíns da Deputación, dentro do programa “Cultura aberta”. O 24 de xullo viaxan a Canarias para actuar no Festival Mumes, en Tenerife.