Yann Tiersen en Compostela

yann-tiersen-web

Convertido nun dos grandes nomes da escea musical europea, o compositor e multi-instrumentista bretón Yann Tiersen regresa este outono aos escenarios para presentar en directo as cancións que gravou en 2009 para o seu novo e esperado disco, Dust Lane, que editará nos próximos meses. En Galicia, a cita será o sábado 21 de novembro ás 22h no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela. As entradas xa están á venda cun prezo de 15 euros anticipada e 20 euros o día do concerto.

Seguindo o camiño iniciado no seu anterior álbum de estudio, Les Retrouvailles (2005), Tiersen desenvolve en Dust Lane unha liña de traballo máis eléctrica, con sonoridades moito máis próximas ao rock. Para facelo, contou coa colaboración de artistas como Syd Matters, Orka ou Matt Elliott, entre outros. Precisamente, será Matt Elliott o encargado de abrir o concerto.

A última obra publicada por Tiersen é a banda sonora de Tabarly (2008), un territorio no que xa firmou grandes obras como as célebres Amélie ou Good Bye Lenin. Tabarly ilustra musicalmente o documental sobre o mariñeiro francés Eric Tabarly (tamén bretón, como Tiersen), desaparecido hai agora 10 anos.

+ info:
www.yanntiersen.com
www.myspace.com/yanntierseninprogress