
O compositor e multinstrumentista francés Yann Tiersen regresa máis electrónico, máis vocal e máis enérxico que nunca con Dust Lane, o seu último disco, aínda inédito, que presenta este sábado no Mulitusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ás 22 horas. O músico, autor das bandas sonoras de Amélie e Good Bye Lenin!, gravou a pasada primavera os oito temas deste novo traballo, que se editará nos vindeiros meses, pero que xa dá a coñecer ao seu público nesta xira. Santiago de Compostela é a última cita española de Tiersen, despois de Barcelona e de Madrid. As entradas poden adquirirse na taquilla electrónica de Caixa Galicia, cun prezo de 15 euros anticipada e 20 euros o día do concerto.
Despois de dous anos de traballo nace Dust Lane, un disco atmosférico que mestura sons electrónicos con partes vocais e coros. Yann Tiersen continúa así a liña eléctrica e rockeira que xa iniciara no seu anterior álbum de estudo Les Retrouvailles (2005). E para redondear este traballo o compositor francés conta coa colaboración de artistas como os franceses Syd Matters, Orka ou Matt Elliott, entre outros. Precisamente, será Matt Elliott, que comenzou a súa carreira muscial como The Third Eye Foundation e que tamén formou parte de Movietone e de Amp, o encargado de abrir o concerto este sábado en Compostela.
+ info:
www.yanntiersen.com
www.myspace.com/yanntierseninprogress
