É novo e ten talento. Tino Barreiro vén de gañar o primeiro premio Gzcrea de carteis, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude. O xurado escolleu o seu cartel “Pegadas de historia” como o mellor nunha edición que tiña o Xacobeo como tema. Nunha entrevista na web BriefingGalego.com explica que quixo “representar esa unión tan persoal entre peregrino e camiño”.
Nesa entrevista tamén se lembra do seu paso por Nordesía, onde realizou prácticas no gabinete de comunicación. Por iso non nos sorprende o premio: coñecemos o seu talento e creatividade. Desde aquí desexámoslle sorte no seu futuro profesional e tamén na súa faceta musical, como membro de Os John Deeres.

