Aló Irmao en banda deseñada

vinheta

Aló Irmao é o proxecto musical que comparten Narf e Manecas Costa. Un encontro entre Galiza e Guiné Bissau que se está a manifestar por diversas vías: non só é a música, e tamén o audiovisual e a banda deseñada. Na web de Aló Irmao vén de aparecer a primeira páxina de viñetas dunha serie que pretende achegar unha visión diferente do proceso de conexión artística e humana entre Fran e Manecas. Nas próximas semanas iranse publicando nesa web novas entregas deste cómic creado por Xavier Belho.

Esa conexión artística e humana de Aló Irmao púidose sentir nos seus concertos da xira brasileira. No xornal A Tarde, o máis importante do estado de Bahia, o xornalista Thiago Fernandes escribiu unha crítica eloxiosa do concerto que o dúo realizou o 4 de decembro no Teatro Castro Alves, cualificándoo como un dos mellores concertos celebrados en Salvador no 2009: “Combinado ao talento de Manecas, o resultado foi uma música que traz uma sensaçao de familiaridade, como ouvir uma canção que já se conhece… desde a infância. A guitarra e os violões contidos mas muito bem aplicados de Narf a complementaram perfeitamente e fizeram do Aló Irmao um dos melhores shows que passaram por Salvador neste ano.” Fernandes remata dicindo: “ao final, o duo cumpriu a promesa. Transportou a plateia para outro mundo durante a apresentação, um lugar muito bonito e sobre tudo familiar e acolhedor.”