
“Siset, que no veus l’estaca on estem tots lligats?
Si no podem desfer-nos-en mai no podrem caminar!”
(Siset, non ves a estaca na que estamos todos atados?
Se non conseguimos liberarnos dela non poderemos camiñar!).
Son versos de “L’estaca”, un tema emblemático do movemento da nova cançó, composto por Lluís Llach hai 42 anos. Marc Parrot recupérao no espectáculo ‘50 anos da Nova Cançó‘ xunto con outras cancións deste movemento musical catalán nacido hai medio século. As citas son este venres 5 de febreiro ás 22 horas no Auditorio Municipal de Ourense e o sábado 6 ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Hoxe Parrot fala nunha entrevista en Xornal de Galicia da súa relación coa nova cançó: “Para min representa un mergullarse nunha época como unha resposta a unha necesidade de cantar en catalán sobre o que acontecía naqueles complicados anos e que acabou entrocando nunha xeración tan importante de músicos”. Tamén explica como afronta a revisión deses temas no espectáculo: “Busco que as cancións se adapten ao meu estilo e procuro que todas elas convivan no escenario sen sobresaltos. Seleccionamos instrumentos como o piano, a guitarra e a percusión clásica e sempre buscando a máxima do “menos é máis” na procura da esencia”.
