Narf e Manecas Costa ofrecen esta fin de semana dous concertos en Londres. É dentro da programación do City of London Festival, un festival de verán que desde 1962 enche os edificios singulares e os espazos públicos da capital británica de música, danza, artes visuais, conferencias… O festival, un dos máis importantes do Reino Unido, dedica este ano unha atención especial ás músicas lusófonas. E alí estarán Aló Irmao para amosar ese punto de encontro entre Galiza e Guiné Bissau presente na súa música.
O primeiro dos seus concertos é o venres 25 ás 20 horas no St Ethelburga’s Centre for Reconciliation and Peace onde estarán acompañados do músico brasileiro Adriano Adewale. O segundo concerto será o domingo 27 ás 14.40 horas no parque de Hampstead Heath. Esta segunda actuación enmárcase no chamado “Day of Discoveries”, unha completa tarde de concertos para público familiar na que ao longo de seis horas se presentan cinco propostas de diferentes países da Lusofonía.
Á súa volta a Galicia, Aló Irmao participará no ciclo Músicas Portuarias de Ferrol, cun concerto no Teatro Jofre o sábado 3 de xullo ás 22 horas.
Máis información na web de Aló Irmao.
