A Festa dos Mundos

fdm1_0001

O 7 de agosto, todos os mundos citaranse na praia de Santa Cristina, en Oleiros. A Festa dos Mundos é unha proposta cultural e festiva pensada para todo tipo de públicos, organizada polo Xacobeo e producida por Nordesía. Nun mesmo lugar e nun só día atopamos espectáculos e actividades chegadas de todos os recunchos do planeta: música, danza, pasacalles, maxia, artes circenses, actividades para a infancia, mercado, gastronomía, conferencias… A programación encherá a praia e os parques, paseos e rúas da vila das 11 da mañá ás 4.30 horas.

A partir da media tarde o escenario principal acollerá a programación musical. Alí estarán Uxía, que este ano fai 25 de carreira musical; a superestrela chinesa Sa Dingding, que mestura tradición e sons electrónicos; os colombianos Choc Quib Town, grupo de referencia da música urbana latina e candidatos ao Grammy; e o espectáculo Africa Express: un evento único no que arredor de Damon Albarn (Blur, Gorillaz) se reúnen algúns dos músicos máis talentosos do mundo. Ao longo de cinco horas pasan polo escenario figuras internacionais e as grandes estrelas da música africana para mesturar diferentes ritmos (rock, pop, indie, world music, soul, r&b, hip hop…). Unha oportunidade única de ver este espectáculo na Península, nun formato e cunha relación de artistas aínda sen desvelar que non se volverá repetir en ningún outro lugar do mundo.

A Festa dos Mundos xa se celebrou no anterior Ano Xacobeo de 2004. Daquela reuniu a milleiros de ducias de persoas ao son de Carlinhos Brown, Orishas ou Budiño. Este ano a festa acada novas dimensións coa inclusión de programación infantil e de danza, dun mercado intercultural, un espazo para a reflexión e o debate, e sobre todo dunha concepción sostible e responsable coa conservación do planeta.