Patti Smith é cantante, compositora, poeta, activista política e artista da imaxe. Considerada a madriña do punk, Patti Smith é historia viva do rock, e continúa a levar a forza da música e a palabra polos escenarios de todo o mundo. Este domingo 18 de xullo estará en Vigo, no Auditorio de Castrelos, nun concerto que se prevé enérxico e vibrante, no que soarán algúns dos seus temas máis coñecidos, como “Gloria” e “Because de night“, xunto con outros dos seus últimos traballos. Un repertorio aberto e que buscará deixar satisfeito ao público vigués.
Considerada unha das principais estrelas do firmamento da música rock, Smith deu o asalto definitivo á fama co álbum Horses (1975), que fusionaba rock, punk e poesía falada. Pouco máis tarde, en 1978, colleitou un novo éxito mundial con Easter, que tivo como single o tema “Because the Night”, escrito conxuntamente con Bruce Springsteen. Patti Smith ten un total de 10 discos publicados e numerosos libros de poemas e biográficos. O seu último libro, Just Kids, foi un éxito extraordinario que a levou a dar recitais poético–musicais por todo o mundo. A Castrelos Patti Smith ven acompañada por dous dos músicos da súa banda orixinal -Lenny Kaye na guitarra e Jay Dee Daugherty, na batería-, por Tony Shanahan, que a acompaña no baixo e nos teclados desde 1996, e máis por Jack Petruzzelli á guitarra.
