A
diversidade cultural move o mundo e a música é un dos
seus principais medios de transporte. En Nordesía Produccións
somos conscientes dese feito nun século, o que nos toca vivir,
necesitado da comunicación entre xentes e culturas distantes
na xeografía do globo. A nosa experiencia indícanos que
a pluralidade das músicas do mundo, sen resultar paradóxico,
ten un efecto de cohesión e afonda no entendimento universal.
Por
esa razón, afrontamos un novo ano coa ilusión de representar
e apoiar a creación en Galicia e, ao mesmo tempo, ofrecer ao
público propostas chegadas de puntos distantes na xeografía
mundial, que proban que sociedade global non equivale á homoxeneización
cultural.
Despedimos
un ano, o 2004, cun haber marcado polo éxito, non só entendido
en termos cuantitativos. Se ben fumos artífices do que xa está
considerado o evento máis multitudinario do ano en toda a Península
-A Festa dos Mundos, Praia de Santa Cristina, Oleiros, sete de agosto,
patrocinada polo Xacobeo- e traballamos na organización de máis
de 300 espectáculos, non podemos obviar outras moitas iniciativas
que, en forma de festivais e ciclos, trouxeron a Galicia a artistas
de referencia mundial.
En
Nordesía Produccións afrontamos este ano 2005 tendo presente
a cotío unha das premisas que moveron á constitución
desta empresa: conseguir a satisfacción dos nosos clientes e
do público. En definitiva, supón o obxectivo do traballo
que desenvolvemos en todas as intervencións culturais. Son resultados
que van máis alá das cifras e que, en moitas ocasións,
concrétanse simplemente no sorriso dun espectador á saida
dun espectáculo.
AS
NOSAS PROPOSTAS ARTÍSTICAS
As
novas propostas de Nordesía Produccións en canto a artistas
galegos conxugan figuras consolidadas con novos nomes propios fóra
de clichés que están a seducir ao público.
Puxemos en marcha ao longo do pasado ano proxectos que implican a artistas
e creadores galegos cuia vitalidade poñerase de manifesto durante
este ano 2005. Ao Pé da Letra reune
as propostas máis innovadoras ao redor da palabra en Galicia,
explorando as alturas e profundidades da linguaxe no territorio da música
popular contemporánea. Un espectáculo colectivo que, ademais,
acolle no seu seo singularidades e proxectos individuais polos que Nordesía
Produccións aposta: o pop espido de NARF,
o espiritu dunha belle epoque no século XXI de Marful,
o intimismo dun autor como Xabier Diaz
e o camiño propio da extraordinaria cantante e instrumentista
de Berrogüetto, Guadi Galego.
Non
podemos deixar de amosar a satisfacción que nos produce contar
con Mercedes Peón quen, desde o
seu ser, o seu lugar, a súa cultura, universaliza sons e sentimentos,
sendo sen nengunha dúbida unha das figuras máis carismáticas
da música galega de todos os tempos. Fortes personalidades artísticas
fúndense tamén no espectáculo Mundo
Café, no que tres cantautores de Galicia, País
Basco e Cataluña: NARF, Xabier Muguruza e Miquel Gil, representarán
un mundo músico-literario imaxinativo, sen fronteiras e sen complexos.
No
panorama internacional decantámonos polo que denominamos sen
temor a trabucarnos personalidades artísticas; figuras cuio nome
é sinónimo de calidade, elegancia e mestría. Como
exemplo, o finés Kimmo Pohjonen,
que deslumbrou na súa presentación na península
durante o Mercat de Musica Viva de Vic (Setembro, 2004) converténdose
nunha das propostas musicais máis vangardistas en Europa.
Desde
anos atrás adiantámonos no que está a ser o fenómeno
da música brasileira en toda Europa -para algúns, un xénero
en sí mesmo- e seguiremos ofrecendo unha selección das
delicatessen cociñadas neste paraiso musical. Asimesmo, sabedores
do interese crecente que suscitan no público as propostas chegadas
de África e Asia, recurrimos a artistas singulares e emblemáticos
de ambos continentes. En definitiva, as propostas de Nordesía
Produccións para este ano percorren o ancho do planeta na percura
dos seus tesouros musicais, sen esquecer os novos proxectos musicais
xurdidos nunha Europa caracterizada pola mestura de identidades e a
fusión musical.
Sentímonos
satisfeitos de poder presentar para este novo ano propostas que, unidas
polos seus vértices, debuxan un mapamundi. Temos o convencimento
de que a nosa presencia en eventos e foros internacionais e, por suposto,
a nosa experiencia, resultan determinantes para ofrecer artistas que
espertan os sentidos do público. Con ese rumbo, seguimos navegando.