 |
Nordesía, a empresa que defende
a etiqueta “músicas de Galiza”
Organizan
unha media de 250 concertos anuais
e son os representantes de músicos
como Uxía, Budiño, Berrogüetto,
Anubía, Na Lúa, Fía na roca, Compañía
Marful, ou Xavier Díaz. Nordesía
naceu en 1995 e desde entón é unha
das empresas con máis destaque do
noso mundo cultural polo seu cometido
na promoción da música galega. Converteuse
ao mesmo tempo nun interesante observatorio
do que nos fala o seu director Vítor
Belho.
Nordesía naceu en Compostela,
apegada a un espacio de encontro da
música folk como é o pub Casa
das Crechas e ao desenvolvemento
dos festivais organizados pola Asociación
Cultural Cidade Vella. Desa experiencia
partiu a constatación de que entre
a riqueza creativa e a promoción comercial
e industrial da música galega existía
un abismo. Nordesía nace
entón coa vontade de achegar esas
dúas faces e con ese fin deséñase
unha empresa de perfil singular, sen
comparanza nin no mundo musical catalán
nin no euskera. “Había un nivel de
produción importante, un contexto
internacional interesado pola música
de raíz, bos proxectos pero poucas
vías de tratamento profesional” comenta
o director Vítor Belho. O seu labor
comezou por realizar un traballo de
“representación e comercialización
da música galega non só no noso contexto
senón tamén no internacional co encontro
entre músicos, dignificar a profesión
e colaborar na creación dun sector
industrial arredor da música. Foi
a primeira empresa que o afrontou
cunha visión global e de conxunto”
di Belho.
Prestan servicios aos artistas de
representación e asesoramento, elaboran
proxectos de produción propia, organizan
concertos, promoven artistas e dun
tempo a esta parte introducíronse
tamén no campo da produción teatral
con espectáculos como Eliana en
ardentía de Roberto Salgueiro,
O país da comedia ou a comedia
musical Dillei tamén de Carlos
Blanco que se estreará o día 24 de
outubro en Carballo. Sen embargo,
a música segue a ser o eixo central
da actividade de Nordesía
e, nese ámbito, converteuse xa nun
referente na organización de festivais
e na xestión de concertos. Por citar
só algúns exemplos, Son delas,
O canto das marés, os festivais
de Santo Estevo de Ribas do Sil ou
o de Maceda, o Compostela Festival
ou o ciclo Tribos Ibéricas
da Universidade de Santiago naceron
da súa factoría que tivo tamén un
papel determinante no nivel musical
acadado polas festas do San Froilán
de Lugo nos últimos catro anos ou
na renovación do festival de Ortigueira
desde o ano 2000. Na case unha década
de existencia participou como representante
dos músicos galegos en feiras e mercados
de Alemania, Francia, Suecia, Holanda,
Brasil ou Turquía, entre outros. Outra
relevante liña do seu traballo está
en dar a coñecer na Galiza músicos
doutros países. Na ampla lista atópanse
creadores como João Afonso, Chico
César, Waldemar Bastos, Värttina,
Abdelli, Gaiteiros de Lisboa, Lenine,
The Chieftains ou Omara Portuondo.
|
 |