|
Estamos
Onde Estamos
Por razóns estrictamente persoais, que teñen
que ver coa saúde emocional, véxome obrigado
a recomendar estes últimos xogos de Lluis Llach. Como
un antídoto. Como un bálsamo. Como unha lección.
Descoñezo o número que este traballo fai na
súa discografía, que comezou nunha remota e
longa noite de pedra, con cancións de amor e de barricada.
Dende entón, non cambiou moito o mundo, anque traten
de convencernos do contrario. Llach tampouco o fixo.
Pero cada álbum é a evidencia da súa
evolución, o desenvolvemento en dolby estéreo
da súa cosmogonía. Polos camiños de sempre.
O dun puro clasicismo ó que a súa propia integridade
e madureza o moderniza. E o da palabra transgresora, dende
a súa persoal e conmovedora expresión do amoroso,
ata esa perseveranza súa en seguir cantando as verdades
do barqueiro. A min gustaríame escribir sobre os sentimentos
como o fai el. Ata me conformaría con saber sentir
como el.
Porque entre a tebra das miñas dúbidas, a súa
voz éncheme de certezas. Sobre a estética e
sobre a ética. Tería que remontarme a Jacques
Brel para atopar a alguén que, alzado a un escenario,
puidera transmitir tan espesa comunión de ambos conceptos.
Llach canta agora os seus xogos a contracorrente, como o
fixo sempre. Escribe os seus poemas e póboaos de añoranzas,
de tebras antigas que aínda nos espreitan, de razóns
para conxugar a solidariedade, anque non corran bos tempos
para a lírica. E logo está a súa música,
poderosa ou tenra, mestizaxe de sedas e arpilleiras, celofán
a medida dunha emoción, refuxio de melancolías
e tempestades. Nótase que o artista, seriamente enfermo
de tozudez crónica, principios sen marcha atrás
e sensibilidade extrema, coñeceu o frío no seu
corazón e a dor nas súas tripas. Pero tamén
a calor dunha pel en harmonía e a cor dunha bandeira
pintada de liberdade e tolerancia. Quizais todo elo o fora
inmunizando contra a pereza que da o medo.
Por razóns estrictamente emocionais, recoméndolles
que xoguen os seus xogos, que escoiten a súas cancións
novas. Onde todos poden escoitar quenes somos. Onde os que
perden, gañan. Os que agardan, atopan. Los que soñan,
avanzan. E os que a fan, págana.
Juan Ramón Iborra
|