|
Entre a terra e o mar
medran flores de escuma
ribeiranas de sal
carantoña teimuda.
Obradoiro de soños
pra quen quere mudar
o que ven os seus ollos
por un outro mirar
de ferverzas no vento
e de areas fecundas,
onde o mar é un xoguete
dos enredos da lua.
Ribeiranas de sal
firmamento de area
entre a terra e o mar
nos cantís da Fisterra.
|
Teño a vida nunha man
e na outra o corazón
non vos teño máis que dar
fica núa miña voz.
Alala...
Xa non quero máis chorar
o que o tempo nos negou
hoxe traio pra mañán
bágoas cheas de paixón
Alala...
|
Vira na roda da vida
vira como unha buxaina
por cada volta que viras
vaise unha pena da ialma
vira pra que tra-la noite
sempre veña a ialba.
Son como as nubes do ceo
son como a escuma do mare
non teño acougo nin quero
son unha folla que cae
vivo no berce do vento
preso estou do aire.
Baila e bate na terra
pra enxermar a primavera.
Baila e toca as estrelas
coas azas das arelas.
|