Sorpresa
atlántica. Un estilo de danza que molla o aire. Velaí
outra fecunda realidade artística que chega dende Galicia
-absolutamente nova- con raices tan fondas como o propio océano.
Dicímolo con orgullo. Nos
últimos anos os galegos non deixamos de sorprender pola
nosa creatividade. Coa Democracia xurdiu a primeira xeración
que tivo oportunidade de formarse ben na cultura galega e na cultura
universal. Aqueles rapaces regálannos agora unha arte plena,
cargada co poder desta Fisterra, e, ao tempo, capaz de emocionar
a calquera ser humano.
A lista é longa. Dende
o virtuosismo sonoro de Mercedes Peón, Xosé Manuel
Budiño ou Carlos Nuñez, ao talento escénico
de Luis Tosar ou Maria Pujalte. Libro a libro, Manolo Rivas e
Suso de Toro estannos ensinando a ver o planeta con ollos atlánticos.
E a eclosión galega continúa. Fermosa mostra de
intercambio e diversidade.
Música, cinema, teatro,
literatura. E na danza?.
En Galicia todas as avoas son
quen de marcar os puntos dalgún baile enxebre. Un patrimonio
estético que durante moito tempo, case exclusivamente,
tivo como único medio de expresión o camiño
dos grupos folclóricos.
"Alento" é a historia
dun grande encontro: Vicente Colomer e Jaime P. Díaz, dous
artistas formados na danza clásica e no baile tradicional.
Os dous necesitaban crear coreografías que expresasen a
súa realidade contemporánea. Mais nos dous latexaba
a mesma vertixe: a absoluta falta de referentes.
Como indicamos, o baile galego
sempre aparece asociado a un entorno decimonónico: o pazo,
o cruceiro, os camiños da emigración a América...
Vicente e Jaime querían moito máis. Eles precisaban
debuxar cos seus corpos as historias do milenio que comeza.
E chegou un novo encontro: Xosé
Lois Romero, un compositor formado na música tradicional
que, como eles, precisaba lanzar dunha vez o seu berro de modernidade.
Foi a grande sinerxia. Arstistas
que acadaron, a través da súa unión, a verdadeira
plenitude. Jaime, Vicente e Xosé Lois son o epicentro dun
furacán de músicos e bailaríns que se dispoñen
a inventar unha nova linguaxe. Así de sinxelo, así
de marabilloso.
En "Alento" todo é sorprendente,
todo orixinal, precisamente porque coñecen moi ben as súas
orixes.
Dispóñanse a descubrir
a nova voz do vello Altántico. Atrévanse a mollarse
en tanta luz.
Xurxo Souto