|
Neste
segunda edición do ciclo Con
Voz Propia o concello de Pontevedra e a concellaría
de Cultura seguen a apostar polas voces ibéricas,
portadoras de aires atlánticos, mediterráneos
ou cantábricos. Voces singulares que, partindo
das súas raíces, voan moi alto, até
traspasar fronteiras. Voces que contan o seu mundo interior,
voces exquisitas e delicadas como a de Lidia Pujol, que
traza a poesía no ar en cada nota que emite. Do
noso país irmán chéganos unha das
propostas máis persoais e lúcidas do panorama
musical portugués, João Afonso, un dos compositores
de referencia no seu país e na nosa terra. Cunha
voz que namora e cautiva, como a voz andaluza de Pasión
Vega, que nunca deixa de sorprender co seu amplo rexistro
e, sobre todo, pola súa fermosura, trascendendo
as limitacións do xénero da copla e creou
un estilo novo e único. Viaxaremos tamén
a Euskadi para descubrir a Amaia Zubiría e facer
xustiza desde Galiza a unha das mellores voces da península
que expresa na súa língua as súas
inquedanzas, os seus sentimentos profundos de amor ou
desamor, da súa condición de muller, através
das súas magníficas composicións.
Da terra chéganos un escaparate
das mellores músicas de Galiza, un espectáculo
na boca da realidade, un punto de encontro de artistas
e proxectos musicais galegos que queren tomar a palabra.
Universos musicais diferentes e complementarios: desde
a música popular urbana de Marful pasando pola
poética de NARF, ou as rimas de Non Residentz,
o talento de Guadi Galego e Guillermo Fernández,
ao servizo de ritmos e palabras para unha mensaxe espida
e contemporánea, o collage de sons de Safari Orquestra
ou as músicas de salitre de Xabier Diaz.
Voces a planear sobre as nosas cabezas,
a sementar emocións nos nosos corazóns,
abertos a estes ecos co alento propio, único e
intransferibel.
Uxía Senlle
|