|
Reaparece
tras vinte anos a mítica Orchestra Baobab e visita por primeira
vez o noso país. Esta formación marcou a década
dos anos setenta en África. A combinación dos ritmos
procedentes do sur de Senegal, especialmente da rexión de
Casemance, coa música que chegaba de Cuba dende os anos corenta
gracias ós discos que traian os mariñeiros ó
porto de Dakar, creou un son completamente novo e fascinante que
remataría sendo o sinal de identidade das formacións
da época. Os ritmos afrocubanos mesturábanse con grande
acerto con ritmos chegados da rica tradición local.
Entre as bandas daquel momento había unha que sobresaía
claramente sobre as demais polos seus sublimes e sofisticados arranxos,
pola lírica das súas voces e polas seus solos de guitarra.
Tratábase da Orchestra Baobab.
A súa situación privilexiada permitiulles recrutar ós
mellores músicos de Senegal e doutros países do oeste
de África, convertendo esta formación nunha das bandas
históricas do continente. O seu reinado foi indiscutible ata
o comezo dos anos oitenta cando decidiron separarse por cuestións
internas.
Por iso é unha grande nova saber que tras un silencio de case
vinte anos, durante os cales as súas máis de vinte gravacións
pasaron a ser lendarias, os mestres senegaleses da Orchestra Baobab
regresan á actualidade tras gravar un novo disco producido
nada máis e nada menos por Yossou Ndour e Nick Golf e editado
polo prestixioso selo británico World Circuit, o mesmo que
acadou tanto éxito coa súa anterior producción,
Buenavista Social Club.
Dúas décadas despois da súa disolución,
regresa unha das bandas africanas máis importantes de tódolos
tempos e faino coa formación orixinal e un novo disco impresionante
e actual.
|