 |
por
Uxía Senlle
Este
espectáculo pretende render unha homenaxe ó mar como lugar
de encontro, como fonte de vida e de morte, de lendas e tradicións.
Un tributo actual ó mar maior.
Sumando
e entrelazando voces que proveñen do mar, que se prenden nas ondas,
fascinadas pola aventura de navegar, de partir sen saber se volveremos.
Como
se pintáramos mariñas, tamén na música podemos
recrear e suxerir unha paisaxe de mar.
Voces-sereas do Atlántico contando, cantando e sumando tamén
as voces de poetas, letristas e escritor@s galeg@s, portugueses/as e brasileiros/as
que tiveron unha interrelación e que fixeron temas inéditos
para incluír neste proxecto.
"Cantos na Maré" para fundir e difundir o alalá,
o fado, a morna, o samba, o forró e a marrabenta e destilar así
un único sentir con perfumes moi variados. Un paseo polos ambientes
e polos ritmos destes lugares imprimindo sempre un aire festivo e de intercambio,
de afinidades que veñen dadas por este contacto atlántico
e tamén pola lingua que nos une. Haberá, polo tanto, duetos
entre os/as diferentes intérpretes e un fin de festa coa participación
de todas no escenario cunha composición inédita para este
"Cantos da Maré".
Será
tamén unha autoafirmación, a necesidade de prenderse á
terra, ás lendas que aínda están vivas, ás
terras atlánticas máxicas e míticas, que se corresponden
cunha certa e determinada visión do mundo, unha cosmovisión,
que conteñen elementos moi importantes de comprensión das
pautas culturais e psicolóxicas destas terras ricas en contrastes
e moi atractivas ós ollos do mundo.
O
baño ritual das nove ondas podería ser fecundo punto de
partida, para fuxir dos feitizos, do mal de ollo, dos meigallos. As sereas
da Costa da Morte ou mouras mariñas, que posúen tesouros
agochados que todo home cobiza. A Serea da Mariña, acougo de tempestades
e desvaríos, descanso das xentes do mar. Cando elas cantan, foxen
as nubes, seréase o ceo. As misteriosas lavandeiras enlazarían
co protagonismo feminino e feminista dalgunhas das cantigas de amigo galego-portuguesas
onde as mulleres non permanecen pasivas, senón que toman a iniciativa,
non son só paisaxe. E do século XIII ao agora. Sen esquecer,
naturalmente, o acontecer diario, a actualidade, o que somos a día
de hoxe. Sempre coa vista cravada neste mar que nos une e que transvasa
músicas de ida e volta, as que levaron galegos a Salvador de Bahía
e que volveron con aires renovados.
De
alí rescataremos os cantos da deusa do mar: Iemanjá, coa
total posta en escena dos seus ritos e o seu vestiario. Unha recreación
en clave contemporánea cos seus cantos e percusións
Sempre
coa ollada ancorada na vida das xentes do mar, dos homes e mulleres que
escribiron unha páxina de ouro nunha terra que o ano pasado amenceu
tinxida de chapapote e cunha profunda ferida aberta nas súas costas.
Estas mariñas desagraviarán ao mar ferido cos seus cantos
que resoan ao lonxe.
Esta
viaxe percorrerá musicalmente de norte a sur e de leste a oeste
este territorio atlántico de músicas quentes e luminosas.
|
 |