son:

A banda base estará formada por músicos dos países lusófonos, que enriquecerán esta proposta con cavaquinho, percusión africana e instrumentos galegos ou máis universais. Crearán a atmosfera necesaria para comezar unha travesía sen moitos sobresaltos, onde a marea subirá ou baixará, seguindo as leis naturais do mar e nos traerá as diferentes voces que protagonizarán e levarán o timón desta embarcación.

UXÍA. Galiza
É a autora do proxecto e servirá de fío e agulla para enredar as distintas voces mariñas que participarán no proxecto. Ten moita experiencia na dirección e coordinación de espectáculos colectivos e tratará de crear a atmosfera necesaria para que se cree un bo ambiente que permita esa afinidade necesaria. O seu contacto permanente con estas culturas levouna a participar en varios proxectos con características similares a este que nos ocupa. Está en plena fase de xestación do seu próximo disco que editará coa compañía holandesa World Connection.

CHICO CÉSAR. Brasil
Un dos grandes compositores e intérpretes da actualidade en Brasil. Provén do estado de Paraiba e as súas cancións son xa un referente ineludible se queremos falar da mellor música feita actualmente en Brasil. As súas letras son brillantes e orixinais, así como o tratamento musical que el da ás súas composicións. El conecta totalmente co espírito que presidirá este encontro. O contacto coas culturas africanas que son o berce das súas, o mar, a muller. O seu último disco titúlase: "Respeitem meus cabelos, brancos"

MANECAS COSTA. Guiné Bissau
Compositor de Guiné e unha das voces emerxentes no panorama musical africano. Un guitarrista virtuoso, compositor e intérprete que se arraiga na música da súa terra. Pero tamén é contemporáneo. Tivo unha crítica excelente polo disco editado co selo da BBC cun álbum lanzado este mesmo ano "Paraíso di Gumbé".

FILIPA PAIS. Portugal
O mar de Lisboa estará representado pola voz acuática de Filipa Pais que transmite mellor que ninguén a luz da cidade branca. Ela reúne na súa voz o fado, a morna, a música popular portuguesa e unha cercanía con Brasil, país no que cantou en numerosas ocasións e no que contactou con prestixiosos músicos. Ademais participou nos espectáculos "SONS DA FALA" e "SONS DA LUSOFONÍA", ambos coa participación de músicos de Cabo Verde, Angola, Guiné Bissau, Brasil, Galiza (Uxía) e Portugal.

ASTRA HARRIS. Moçambique
É unha das máis importantes voces de Mozambique que explora os diversos filamentos e direccións da música da súa terra. É recoñecida polas interpretacións sentidas e innovadoras das cancións que lanza ao ar, cunha intensa e vivificadora entrega. O seu último disco titúlase "Toca meu tambor"

BATUKO TABANKA. Cabo Verde - Galiza
Voces e percusión de Cabo Verde, abrirán o espectáculo, traendo o mar destas illas a Pontevedra, pero pasando polo porto de Burela onde viven hai xa moitos anos e onde deixaron a súa pegada. O batuque é un ritmo, un canto, un ritual. Foi, na súa orixe, unha expresión dos escravos. "Ten o selo da humanidade que se impón á intemperie. Cando soa o batuque, a paisaxe de Burela se despereza, ábrese unha claraboia no ceo. Aparece unha nova illa no mapa". M. Rivas.

[+ info] Dossier "Cantos na Maré"
[+ info] Biografía Uxía Senlle
[+ info] Uxia Senlle "De Lés a Lés"
[+ info] Sumario Novas Nordesía
[+ info] Cartafol Nordesía 2003