|
O
grupo Fía na Roca atópase preparando algúns dos
actos que con motivo da celebración do seu décimo aniversario
ten previsto realizar. O primeiro, e un dos máis importantes,
consiste na celebración dunha serie de concertos entre os días
7 e 8 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Desta
serie de concertos sairá o seu novo traballo discográfico:
"10
Anos ao Vivo"
unha
instantánea do estado actual do grupo tras dez anos de camiño,
un traballo no que o grupo ademais de aportar algunha que outra novidade
a modo de sorpresa fará un repaso polo seu repertorio e interpretará
algúns dos seus temas máis destacados, dende os puramente
instrumentais dos seus inicios ata os máis recentes coa incorporación
da voz de Sonia Lebedynski.
Unha
gravación sen aditivos nin colorantes, cento por cento natural
na que Fía na Roca decidiu mostrarse tal e como é, e
para a que grupo non contará con ningún artista convidado,
queren facer a música que presentan nos seus directos, música
feita con cariño e sinceridade, música que se reivindica
a sí mesma, que berra moi alto o seu dereito a ser e existir.
Un
pouco de historia
Sen
dúbida a aparición de Fía na roca foi un dos
acontecementos clave no panorama musical galego da década dos
90. O seu primeiro álbum "Fía na Roca", editado
en marzo de 1993 e recibido con excelentes críticas, supuxo
un verdadeiro sopro de aire fresco no tratamento da música
tradicional de Galicia. Cun son elegante e uns arranxos sorprendentes,
a tradición convertíase nun elemento máis a mesturar
coas ideas propias e as máis diversas influencias dando lugar
a un estilo auténtico e inconfundible. A diversidade estilística,
xunto coa riqueza tímbrica empregada nas distintas composicións,
é un dos seus principais sinais de identidade, acadando un
resultado final coherente e con carácter, afastado deliberadamente
de calquera etiqueta ou fórmula musical á usanza.
No
1996, o grupo grava o seu segundo traballo "Agardando que pase
algo". As dez pezas que contén inclúen tanto adaptacións
de temas tradicionais como novas composicións de variada inspiración,
asumindo unha dose de risco nada habitual neses tempos. A aparición
deste álbum na primavera do 97 reafirmou a Fía na roca
como o grupo máis innovador e creativo do folk galego. Pouco
despois da publicación, a súa música foi escollida
para formar parte dunha escolma que, baixo o título de Celtic
Twilight - Celtic Planet, foi editada en Estados Unidos e en Europa.
No
ano 2000 remátase o novo disco, "Contravento", que
ten como principal novidade a participación da nova cantante
galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo membro da
formación a partir de esta gravación. Catro temas cantados
e oito instrumentais conforman un traballo maduro e coidado co que
se espera dar o salto definitivo á esfera internacional.
En
concerto, o grupo logra transmitir ao oínte todo o sentimento
agachado no decurso dos temas. A música está destinada
a atrapar e emocionar á audiencia, tanto nas súas pasaxes
máis melancólicas e intimistas como nas máis
vivas e ledas. Por iso Fía na roca ten un público incondicional
que valora un directo sincero e sen artificios, no que a sensibilidade
é a súa compoñente principal.
Fía na roca, fieis ao seu compromiso coa música e co
seu tempo, ofrécennos hoxe un espectáculo para saborear
escoitando. Aire fresco e moita luz desde as profundidades dun país
húmido e gris. Un concerto sorprendente e de alta calidade,
libre e despreocupado, no que tradición, evolución,
vangarda, jazz, rock, funky..., unicamente son materiais para a construcción
deste folk contemporáneo que está no máis alto
nivel da arquitectura musical de Galicia.
Formación:
Xosé Ramón Vázquez: piano,
teclado, acordeón.
Cris Gándara: baixo.
Giao Rodríguez: guitarra acústica,
mandolina.
Sonia Lebedynski: voz.
Roberto Santamarina: violín.
Carlos Castro: batería, percusións.
Xabier Bueno: gaita galega, saxos, low whistles.
|