Para celebrar que á música e ao canto corresponden comunicar a emoción –e o pensamento– deses lugares próximos (Galiza, Portugal e todos os países da área lusófona), das cancións que están no ar e que son de tod@s. Cantar é unha forma de ofrecer a alma, de aproximármonos, de coñecérmonos, de entender que o futuro cultural da nosa terra pasa polo afianzamento dos lazos que nos unen: a lingua e cultura comúns.

Seguiremos xuntos os trazos, as pegadas desta nosa lingua partindo da súa orixe, da literatura galaico-portuguesa medieval e dos grandes referentes da literatura culta e popular deses países: Rosalía de Castro, Luís de Camões…

Lembraremos así mesmo os cantos que nos foron aproximando dende que nos coñecemos, hai agora máis dunha década, fundamentalmente os do seu tío Zeca que nos seguen a emocionar, e as nosas propias composicións inspiradas nesa raíz común.

Neste ir e vir, os nosos camiños cruzáronse en moitas ocasións para comprobar que temos unha sensibilidade parella, un gusto pola palabra cantada, polas historias cotiás, un respecto pola nosa cultura que nos fai fieis ás nosas orixes.

Oxalá poida perpetuarse esta proximidade, se normalice esta relación de afecto que sempre existiu e fagamos votos para unha comunicación máis fluída e desperxuizada, para sentírmonos parte da mesma raíz lingüística e histórica.

Cantaremos nesa nosa lingua e sentiremos o noso canto preto de Recife, Açores, Mindelo, Guiné Bissau, Maputo, o Alentejo... ¡Tan diferentes e tan iguais!. Encantaríanos poder compartir o amor profundo que profesamos á nosa orixe, a que nos liga tamén a todos estes lugares que sobrevoamos a través da música, a literatura, a pintura e imos facelo xunto cos nosos compañeiros/as de viaxe:

Manecas Costa - Guiné Bissau
Jon Luz - Cabo Verde
João Ferreira - Angola
Moz Carrapa - Portugal

E as novas caras, voces da música galega:

Guadi Galego (voz e gaita) Berrogüetto
Fran Pérez (NARF) compositor e interprete moi ligado á cultura lusófona

De Lés a Lés (de lado a lado) pretende ser unha ponte aos galego-falantes do mundo: aos de Cabo Verde, Angola, un punto de encontro para as diferentes culturas que se expresan baixo o tronco lingüístico común do galego-portugués; un xeito concreto de achegar culturas, un xeito concreto de apostar polo contacto, a comunicación e o coñecemento entre pobos e xentes que teñen o denominador común da lingua como comunicación.

Nunca camiñaremos en solitario,
neses territorios aínda por descubrir...

"Seremos muitos, seremos alguem..." Zeca Afonso

UXÍA SENLLE