Novidades

As mellores orquestras galegas e internacionais cítanse no FIOU

image002

Se hai un tipo de formación musical que goza de popularidade en Galicia, ese é a orquestra de baile. Algunhas das máis importantes do país xuntaranse a orquestras internacionais de referencia no Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), que se celebrará do 3 ao 5 de setembro no concello ourensán de Cea. Unha oportunidade para bailar e coñecer diferentes maneiras de gozar da música de baile, cunha ducia de propostas chegadas de Latinoamérica, Europa, os Balcáns ou os países árabes, que pasarán polos espazos Clásicos Latinos, Orquestras do Mundo e Sesión Verbena.

Entre as orquestras xa confirmadas atópanse a parisina Orchestre National de Barbès; a Billo’s Caracas Boys, de Venezuela, e as galegas Sintonía de Vigo e Olympus. A Orchestre National de Barbès está formada por doce músicos residentes nese barrio de París, e procedentes de Francia, Alxeria, Túnez e Portugal. Foi fundada en 1995 polo baixista Youcef Boukella. Inspirada no raï magrebí, mestura diversos estilos como o chaabi, a salsa, o reggae, a música gnaoua, o rock, o zouk antillano ou o funk, conseguindo unha sonoridade orixinal, que adapta as músicas tradicionais aos sons de hoxe e fai especial fincapé nos ritmos festivos.

Devendra Banhart no Vigo Transforma

devendra

A década pasada, algo estraño se comezou a mover no plácido mundo do folk estadounidense. Xurdiron unha serie de voces raras que practicaban un folk que non o parecía, propostas ás veces líricas, ás veces extravagantes, outras mestizas. Esa ventá aberta bautizada como anti folk, freak folk, ou New Weird America, segue aberta e por aí entra o aire fresco de, entre outros, Devendra Banhart. A súa música, entre melancólica e bucólica, ten influencias do folk menos coñecido, a psicodelia, o tropicalismo e a música latina. Con discos como Rejoicing in the Hands e Cripple Crow cativou a público e crítica, que o compararon con xigantes como Tim Buckley, Nick Drake ou Syd Barret.

Devendra Banhart está este venres no festival Vigo Transforma para presentar o disco What Will Be. O cartel de festival inclúe entre outras as actuacións de Triángulo de Amor Bizarro, Jeff Tweedy, Fanfarlo, Os Mutantes e The XX o venres, e as de The Divine Comedy, Orbital, Fischerspooner ou Delafé y las Flores Azules o sábado. A cita, no peirao de transatlánticos de Vigo.

Uxía Trío en Lugo

entre-lusco

Uxía estará o 14 de xullo en Lugo, dentro do ciclo “Entre Lusco e Fusco”, do programa Lugo Cultural. Presentarase no seu novo formato trío, no que coa compañía do brasileiro Sergio Tannus á guitarra e o cavaquiño e do uruguaio Alejandro Luzardo á guitarra, propón un concerto íntimo no que a voz sen artificios de Uxía cobra protagonismo. Un acústico no que, xunto con temas do disco Eterno navegar, soarán algunhas das cancións máis representativas dos 25 anos de carreira de Uxía e outras sorpresas e novidades.

A cita será o vindeiro mércores 14 ás 21 horas no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro. En caso de chuvia, o concerto trasladarase ao Auditorio Gustavo Freire.

A Festa dos Mundos

fdm1_0001

O 7 de agosto, todos os mundos citaranse na praia de Santa Cristina, en Oleiros. A Festa dos Mundos é unha proposta cultural e festiva pensada para todo tipo de públicos, organizada polo Xacobeo e producida por Nordesía. Nun mesmo lugar e nun só día atopamos espectáculos e actividades chegadas de todos os recunchos do planeta: música, danza, pasacalles, maxia, artes circenses, actividades para a infancia, mercado, gastronomía, conferencias… A programación encherá a praia e os parques, paseos e rúas da vila das 11 da mañá ás 4.30 horas.

A partir da media tarde o escenario principal acollerá a programación musical. Alí estarán Uxía, que este ano fai 25 de carreira musical; a superestrela chinesa Sa Dingding, que mestura tradición e sons electrónicos; os colombianos Choc Quib Town, grupo de referencia da música urbana latina e candidatos ao Grammy; e o espectáculo Africa Express: un evento único no que arredor de Damon Albarn (Blur, Gorillaz) se reúnen algúns dos músicos máis talentosos do mundo. Ao longo de cinco horas pasan polo escenario figuras internacionais e as grandes estrelas da música africana para mesturar diferentes ritmos (rock, pop, indie, world music, soul, r&b, hip hop…). Unha oportunidade única de ver este espectáculo na Península, nun formato e cunha relación de artistas aínda sen desvelar que non se volverá repetir en ningún outro lugar do mundo.

A Festa dos Mundos xa se celebrou no anterior Ano Xacobeo de 2004. Daquela reuniu a milleiros de ducias de persoas ao son de Carlinhos Brown, Orishas ou Budiño. Este ano a festa acada novas dimensións coa inclusión de programación infantil e de danza, dun mercado intercultural, un espazo para a reflexión e o debate, e sobre todo dunha concepción sostible e responsable coa conservación do planeta.

Aló Irmao en Londres

Narf e Manecas Costa ofrecen esta fin de semana dous concertos en Londres. É dentro da programación do City of London Festival, un festival de verán que desde 1962 enche os edificios singulares e os espazos públicos da capital británica de música, danza, artes visuais, conferencias… O festival, un dos máis importantes do Reino Unido, dedica este ano unha atención especial ás músicas lusófonas. E alí estarán Aló Irmao para amosar ese punto de encontro entre Galiza e Guiné Bissau presente na súa música.

O primeiro dos seus concertos é o venres 25 ás 20 horas no St Ethelburga’s Centre for Reconciliation and Peace onde estarán acompañados do músico brasileiro Adriano Adewale. O segundo concerto será o domingo 27 ás 14.40 horas no parque de Hampstead Heath. Esta segunda actuación enmárcase no chamado “Day of Discoveries”, unha completa tarde de concertos para público familiar na que ao longo de seis horas se presentan cinco propostas de diferentes países da Lusofonía.

Á súa volta a Galicia, Aló Irmao participará no ciclo Músicas Portuarias de Ferrol, cun concerto no Teatro Jofre o sábado 3 de xullo ás 22 horas.

Máis información na web de Aló Irmao.

‘Ovay’ abre o renovado Auditorio Municipal de Vigo

O Concello de Vigo remodelou o seu Auditorio Municipal, que a partir de agora acollerá unha programación estable de artes escénicas. A inauguración deste renovado espazo na Casa do Concello correrá a cargo de Quique Peón Cía, co seu espectáculo ‘Ovay’. Será o martes 22 de xuño ás 20.30 horas. A asistencia é gratuíta mediante invitación, que se pode recoller no despacho de billetes do Auditorio o luns e o martes de 18 a 20 horas.

‘Ovay’ é a viaxe interior dun bailarín, o percorrido polos estadios da súa evolución persoal. Unha peza na que a danza contemporánea bebe no baile tradicional para expresar unha inquedanza na madurez vital e artística de Quique Peón. ‘Ovay’ é danza con música en directo: gaita, acordeón, zanfona, requinta e percusións tradicionais da man de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Quique Peón embárcase neste primeiro proxecto propio de danza contemporánea, á que chega desde a súa experiencia como bailarín, coreógrafo, profesor e investigador de danza e música tradicional.

Máis información sobre ‘Ovay’ na web de Quique Peón Cía.

Meredith Monk pecha a tempada de Sons da Diversidade

meredith-monk-01b

Compositora, cantante, coreógrafa, autora de nova ópera e directora de películas e instalacións. Todas esas son facetas nas que destaca Meredith Monk, unha das artistas estadounidenses cun universo creativo máis completo e comprexo, que influiu, entre outras, en Laurie Anderson e Björk. Meredith Monk e o Vocal Ensemble Quartet son os encargados de pechar este sábado 19 de xuño ás 21 horas no Auditorio de Galicia a temporada 2009-2010 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela. O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

O de Meredith Monk é o último concerto dunha tempada na que de novembro a xuño pasaron polo ciclo Ryuichi Sakamoto, a Orquestra Árabe de Barcelona, Sumrrá, Rodrigo Leão, Roi Casal, Femi Kuti e Benjamin Biolay. Artistas de catro continentes con propostas musicais situadas en latitudes moi diferentes, e que volveron dar mostra da diversidade cultural e lingüística do mundo. A partir do outono poderemos gozar dunha nova tempada de Sons da Diversidade.

Jazz en Vigo co sexto Imaxina Sons

As correntes innovadoras do jazz europeo volven ser o eixo da programación do Imaxina Sons, o 6º Festival de Jazz de Vigo. Do 23 de xuño ao 4 de xullo, o certame organizado pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo presenta un programa con pasacalles, mesas de debate, sesións nos pubs de “jazz na noite”, clases maxistrais, un espectáculo para público infantil e un bo feixe de concertos.

Entre os nomes propios desta edición destacan o do pianista francés Martial Solal, que abre o certame o 23 de xuño; o proxecto Root Africaine, con Aldo Romano, Louis Sclavis e Henri Texier co fotógrafo Guy le Querrec (27 de xuño) e o Dave Douglas Quintet, encabezado pola máis europea das figuras estadounidenses do jazz actual (4 de xullo).

O festival conta de novo cunha importante presenza de proxectos galegos, como os de Marcos Pin Factor -E Reset-, Monkillos, Roberto Somoza Jazz Orquestra ou as participacións de Baldo Martínez en TriEZ e a ponte cos Estados Unidos de Alberto Conde e Steve Brown en Atlantic Bridge. Outras propostas de jazz europeo presentes no programa son as de Lluís Vidal Trio con Dave Douglas & Perico Sambeat, Pierre Favre Solo, Carlos “Zíngaro” Solo, Marisco Fresco, Red Trio + John Butcher, Arild Andersen Trio ou Franz Koglmann Monoblue Quartet, entre outras.

A edición de 2010 quere gañar novos públicos, programar artistas de calidade e crear un ambiente festivo en toda a cidade durante os doce días que dura Imaxina Sons. Ese ambiente que une jazz e festa xa se pode respirar nas rúas: o sábado pasado arrancou o Imaxina na Rúa, no que a canteira de jazz galega leva a súa música aos espazos públicos da cidade. Este sábado 19 de xuño toca segunda sesión, a cargo da Orquestra A Tempo de Pontevedra.

Aló Irmao nos medios

O disco Aló Irmao!, de Narf e Manecas Costa, está a ter moi boa acollida. Na semana que pasou desde que foi presentado cun albaroque no Dezaseis comprobamos que o disco desperta interese nos medios galegos, ao tempo que levanta gran expectación en Portugal e nos países lusófonos de África, para os que a RDP África leva días radiando os temas do disco.

Estas son algunhas das impresións que atopamos na prensa:

Máis que como dous continentes actúan como un océano. Manecas Costa e Narf coincidiron hai dous anos para unha sociedade musical afrogalega que onte deu o seu segundo froito, Aló irmao, un disco gravado ao vivo hai un ano no Teatro Principal de Santiago.
Manecas Costa e Narf publican «Aló irmao». Camilo Franco, La Voz de Galicia (10/6/2010)

Aló irmao!, ademais do interese musical, ten un valor reivindicativo. “Sempre que se fala de Guinea-Bissau fálase de forma negativa, de golpes de estado, de problemas. Pero tamén hai que falar do lado positivo”.
‘Aló irmao!’, un disco para a fusión musical. Alberto Ramos, Xornal de Galicia (10/6/2010)

A casa común na que habitan o latexo africano de Manecas Costa e o espírito aventureiro de Narf xa está en pé e chega ás tendas de música de todo o país ofrecendo un encontro musical vizoso.
A casa que soñaron Narf e Manecas Costa xa está en pé: Aló Irmao!. Vieiros (10/6/2010)

En São Paulo, Reino Unido, Arxentina, Brasil ou Galiza, os seus milleiros de seguidores pódenos por fin sentir na intimidade da casa en formato CD e DVD. “Aquí non hai trampas, somos o que parecemos”: dous músicos, un galego e outro da Guiné Bissau, que fan potentísimas cancións que transcenden as fronteiras culturais .
“Nin eu me fago o africano, nin Manecas o europeo”. Marga Tojo, Galicia Hoxe (13/6/2010)

Podes escoitar os temas do disco na web de Aló Irmao, e seguir a evolución do proxecto no blog de Narf e Manecas na mesma web.

Hindi Zahra en xira

A cantante fracesa de orixe bereber Hindi Zahra é unha das revelacións do momento. Handmade é o seu primeiro disco, co que está triunfando en Francia e en media Europa e que EMI acaba de lanzar no mercado español. Hindi Zahra inicia o 27 de xuño en Bruxelas unha xira que a levará a varios países europeos, Marrocos e Canadá. Estará tamén en Cartagena o 19 de xullo, dentro do festival La Mar de Músicas. Alí levará a súa mestura de baladas folk, soul urbano e blues do deserto.

En The Guardian, Kitty Empire cita a Billy Holliday, Norah Jones, M.I.A. e Ali Farka Touré para describir a voz e a música de Hindi Zahra: “sería un erro crer que este disco, que xa alcanzou o número 2 nas listas europeas de músicas do mundo, é simple música amáble e cosmopolita. A clave é o ritmo de Hindi, un galope cadencioso que ten ecos do embriagador blues do desierto popularizado por artistas como o falecido Ali Farka Touré”.

Máis información na web da artista e no seu MySpace.